O ROMANCE DA BELA ROSA
Unha vez houbo unha flor
que só ulía certa xente
no xardín dun gran demente
con máis poder que razón.
A rosa leda medrou
medrou soa e sen axuda
era forte coma ruda
contra o frío e o calor.
Saiu o sol e corou
o seu vermello impoñente
tanto que ao amo e a outras xentes
molestou o seu primor.
No canto de con amor
ollábana con vaidade
e ante a fermosa humildade
respostaron con temor.
Moitas flores do redor
de xardíns de alleas terras
aplaudiron moi contentas
cando o amo a recortou.
A planta quedou sen flor
pero aínda resistía
porque a raíz se nutría
da terra que a enxendrou.
A terra considerou
que o seu froito era inocente
que fora nobre e valente
e dela se preocupou.
A auga axiña chegou
e o resto de compañeiras
acudíronlle lixeiras
e calmaron a súa dor.
Certo día aquel señor
foi abalar á maceira
e reparou una roseira
que cortara con rancor.
Mil rosas con esplendor
recendían maxestuosas
cunhas espiñas máis grosas
que as tesouras do señor.
Comprendiu o home entón
o seu crime despiadado
caiu ao chan apenado
e pola rosa chorou.
Aquela primeria flor
só no recordo latexa
pero se a raíz é rexa
a planta non morre, non.
SES
Ningún comentario:
Publicar un comentario